O BNG rexeita o incremento de máis dun 40% no gasto en salarios a membros do goberno arzuán e de máis do 50% en asistencias e asignacións ao grupo
No Pleno de Organización do Concello de Arzúa, celebrado na mañá de hoxe, o BNG rexeitou co seu voto en contra o “incremento de máis dun 40% en relación con anos anteriores na asignación a salarios a membros do goberno” sinalou o Portavoz Municipal do BNG, Xoán Xesús Carril, que, engadiu, “consideramos que isto é un despilfarro e unha forma de gastar irreponsábelmente o diñeiro de todas as veciñas e veciños de Arzúa, que desta maneira van pagar o pato dun acordo de goberno entre Alternativa por Arzúa e o PSOE a todas luces escurantista e que só vai servir para asegurarse que o Alcalde volte a ter a maioría absoluta no Pleno que a veciñanza lle quitou” explicou Carril.
En relación coas asignacións a grupos políticos e aos cobros por asistencias a Plenos e Comisións, fronte á proposta “despilfarradora e esaxerada do Alcalde, desde o BNG propuxemos rebaixar as contías propostas en máis dun 50%, proposta que foi rexeitada pola connivencia de AxA, PSOE e PP” sinalou Carril.
Críticas á conformación da Xunta de Goberno
Desde o Grupo Municipal do BNG criticaron tamén o feito de que unha das concelleiras con adicación excluiva “e que obstentará unhas das competencias máis importantes como son as de Facenda e Contratación, non vaia estar na Xunta de Goberno Local, parécenos unha aberración e unha forma moi suxa coa que o Alcalde quere pagar favores ás persoas que foron con el na súa candidatura e que hoxe son concelleiros e concelleiras” explicou o Portavoz Municipal do BNG. “Cando a lei sinala que as persoas con adicación exclusiva non poden percibir cobros por asistencias ás Comisións nin ás reunión ás Xuntas de Goberno Local, o Alcalde decide non incorporar a este organismos á concelleira Mari Carmen Fuentes, favorecendo, así, un gasto en asistencias por parte doutros concelleiros e concelleiras que desde o BNG consideramos innecesario e escandaloso” salientou Carril.
Delegación de competencias do Pleno na Xunta de Goberno Local
En canto á proposta de delegación de competencias do Pleno na Xunta de Goberno Local, a edil nacionalista Lucía López Sobrado, defendeu “o respecto ás competencias que a lexislación vixente outorga aos Plenos municipais, en aras da verdadeira transparencia e calidade democrática” explicou a concelleira do BNG. “Rexeitamos que se baleire de contido un órgano democraticamente elixido como é o Pleno, que ten que ser lugar debate e decisión. Lamentamos que esta proposta finalmente saíse adiante, pois obstaculiza ao Pleno facer a súa función de debate e control do goberno municipal”