A ORGANIZACIÓN XUVENIL DO BNG INICIA UNHA CAMPAÑA ENTRE A MOCIDADE ARZUÁ PARA ESIXIRLLE AO GOBERNO DE ALTERNATIVA POR ARZÚA QUE “DEIXE DE MIRAR PARA OUTRO LADO” E ACTÚE “FRONTE A UNHA SITUACIÓN QUE NON PODE CONTINUAR”

Galiza Nova reclama en Arzúa a ampliación do horario de apertura da Biblioteca Municipal Rosalía de Castro

Foto_GalizaNova_Arzua
Galiza Nova Arzúa

Asina no formulario de recollida de sinaturas! https://forms.gle/L9AWmYxJhNEYjwTS6

Galiza Nova reclama en Arzúa a ampliación do horario de apertura da Biblioteca Municipal Rosalía de Castro

 A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, iniciou hoxe unha campaña entre a mocidade arzuá encamiñada a conseguir a ampliación dos actuais horarios da Biblioteca Municipal Rosalía de Castro.

As mocidades do BNG esíxenlle ao goberno de Alternativa por Arzúa que “deixe de mirar para outro lado” e actúe “fronte a unha situación que non pode continuar” explicou Lidya Castro, responsábel comarcal de Galiza Nova. A portavoz da organización xuvenil indicou que “os actuais horarios son totalmente insuficientes nas fins de semana e nos períodos de exames, xa que non cubren as necesidades das e dos estudantes arzuáns.” sinalou.

Ademais, desde a organización xuvenil sinalan que “non se están a cumprir os horarios que o Concello de Arzúa anuncia na súa páxina web, xa que é habitual que sábados pola mañá ou en días previos ou posteriores a festivos a biblioteca non abra, e sen previo aviso”, sinalou Lidya Castro. “Unha situación de todo punto intolerable e que ten afectado negativamente ás mozas e mozos arzuáns que temos atopado a Biblioteca pechada cando máis a necesitábamos” explicou a responsábel comarcal de Galiza Nova.

Por estes motivos, Galiza Nova anunciou hoxe o comezo dunha campaña social, encamiñada a informar sobre esta situación e á recollida de sinaturas que presentarán ante o Concello de Arzúa reclamando o cumprimento do horario actual nos días laborábeis e a ampliación do mesmo, cando menos, nas fins de semana e períodos vacacionais, “de maneira que se garanta que que as mozas e mozos de Arzúa estudantes universitarias, de ciclos ou opositoras poidamos contar cun horario de apertura acaído ás nosas necesidades” concluíu Lidya Castro.

Galiza Nova reclama en Arzúa a ampliación do horario de apertura da Biblioteca Municipal Rosalía de Castro