Novas
refuxioxa

Por un refuxio de animais na nosa comarca!

Esta tarde mantivemos outra xuntanza coa APACA - Asociación Protectora Animais do Camiño na que participaron o noso portavoz municipal en Melide, Xesús Pereira, a nosa concelleira en Boimorto, Raquel Val, e o noso Responsábel local en Arzúa, Denís Bermúdez.

Na mesma puxemos en común puntos de vista e fórmulas de traballo conxunto para acadar o obxectivo de ter un refuxio de animais mancomunado entre Concellos da nosa contorna.

Mañá acompañaremos tamén a entrega de sinaturas que a Asociación realizará no Parlamento galego, coa presenza da nosa deputada Olalla Rodil. 

Ler novas
mocionportada

O BNG presenta unha moción no Concello para a creación dun refuxio de animais.

No día de hoxe, desde o BNG de Arzúa vimos de rexistrar no Concello unha moción propoñendo a elaboración e sinatura dun convenio para a creación dun refuxio mancomunado no Concello de Arzúa e a implantación do código de sacrificio cero no mesmo. Consideramos que é importante atallar a problemática que supón o abandono de animais no Camiño de Santiago, e por iso propomos unha solución viable e reponsable.

Agradecémoslle moito a APACA a labor que está a desenvolver e que poidésemos trasladarlles directamente a nosa proposta, nunha reunión mantida onte, que foi acollida de moi bo grao. Por esta entidade soubemos tamén que xa eles lle tiñan presentado a José Luís García un plan de viabilidade para crear unha infraestrutura semellante, que, tal e como nos dixeron, foi rexeitada polo Alcalde. Escandalízanos que esta información que nos chegou pola Asociación non fose explicada polo propio Alcalde cando se falou deste tema no último Pleno, unha mostra máis do escurantismo co que traballan desde o Concello, cun Alcalde que, por medo a posicionarse e meterse en 'disputas' oculta información á veciñanza, actuando dun xeito cobarde, e sen dar solución ningunha aos problemas que ten Arzúa.

A continuación, poderás acceder ao texto íntegro da moción presentada. 

Ler novas
xogarzua

O BNG de Arzúa crítica a escaseza de prazas no programa de conciliación familiar XogArzúa

 

Desde o BNG de Arzúa queremos manifestar a nosa crítica ante a situación xerada no programa de conciliación familiar XogArzúa, posto en marcha polo Concello de Arzúa.

Igual que o ano pasado, o número de prazas non chega para cubrir a demanda das familias arzuás, reducíndose este a tan só 30 prazas. Mostra disto é que hoxe mesmo ven de abrirse 
o prazo de inscrición e xa hai lista de agarda, algo que constata as necesidades que ten a nosa veciñanza deste servizo de conciliación da vida familiar e laboral durante o período non lectivo de verán, e algo que o Concello tiña que ter previsto, tendo en conta xa os precedentes dos anos anteriores.

A todo isto, debemos suamrlle a falta de criterios obxectivos que prioricen a participación de familias con menos recursos económicos ou con maiores dificultades para conciliar, así como tamén o reducido horario no que se oferta o servizo, únicamente para a conciliación das pesroas que traballen só de mañá, - algo que é de todo punto irreal nunha vila como a nosa - ou a insuficiencia de prazas de reserva para menores con capacidades diferentes, algo inaudito nos tempos que corren e impropio dunha Concellaría de Benestar que debería amosar maior sensibilidade e coñecemento nestas cuestións.

Agardamos que o Concello corrixa esta situación, aumentando o número de prazas neste programa, para que realmente poida ser útil ás familias con menores do noso Concello. O contrario sería unha manifestación máis do desleixo ao que nos ten acostumados o goberno arzuán.

Ler novas
1

Mini Rivas visita Arzúa para informar sobre o "catastrazo"

O deputado nacionalista no Parlamento galego, Xosé Luis Rivas “Mini”, acompañou na mañá de hoxe á organización local do BNG en Arzúa nun reparto na feira de Arzúa para informar sobre o “catastrazo”.

Mini Rivas sinalou que este “catastrazo” é “unha medida máis dos gobernos do PP encamiñada a unicamente a recadar saindo damnificadas as rentas máis baixas, é dicir as pequenas e medianas empresas, as explotacións agrogandeiras, as vivendas ubicadas en solo rural etc.” indicou. “Unha medida coa que desde Madrid pretenden perpretar un novo roubo á nosa xente, máxime nun concello rural como Arzúa e coa mala situación que está a atravesar o sector agrogandeiro, fundamental para a economía do noso concello” dixo.

O BNG leva informando en Arzúa sobre o catastrazo desde o mes de marzo. “Presentamos tamén iniciativas no Parlamento galego para tentar porlle freo a estas medidas, onde nos atopamos co rexeitamento do PP. Tamén no concello de Arzúa presentamos unha moción á cal o alcalde fixo ouvidos xordos” explicou Denís Bermúdez, responsábel local do BNG en Arzúa.

Neste sentido, desde o Bloque sinalan que nos vindeiros meses prevén realizar charlas sobre o tema destinadas a informar á veciñanza e para combater “o escurantismo e a desinformación coa que o PP está a desenvolver este “catastrazo” explicou Bermúdez.

Ler novas